miércoles, 11 de agosto de 2010

Dous.




Unha praia chea de xente; nenos, mozos, avós, avoas, nais, homes.. a moza dos beizos vermellos. Ela soa cun bloc de debuxo. E os lapis de cores. Cores inimaxinables. Azul, coma os seus ollos, verde bosque amazónico, verde pistacho coma o reproductor dos Beatles, cor da area, laranxa que incitaba a comelo, vermello coma os beizos, morado.. ata a cor da sua tostada pel. Cores que con só velas facíanlle setilas, revivir momentos ou crear novas sensacións.
Debuxaba sen parar; a xente, as ondas do mar, as cousas que ela mesma imaxinaba. Pasaban as horas, pero iso non lle importaba. Había xa tempo que decidira botar todos os reloxos ó lixo. Vivir sen tempo, sen que ninguén nin nada lle controlase o principio e a fin dos seus actos salvo ela mesma. Sen preocupacións de se chegaba tarde ou pronto, de se tiña que dormir ou vivir. Sen agullas nin números que a atormentasen nin a fixeran sentir culpable.
A xente foi marchando, pouco a pouco deixando a praia baleira, máis que co son do mar e das gaivotas ansiosas de atopar un anaco de comida.
O seu sombreiro de palla mantiña a súa imaxinación en constante funcionamento. Debuxos e debuxos.
Sempre atopou estúpido o feito de ter que vestir un bañador de dúas pezas por ser muller. Os homes tiñan máis liberdades; se tiñan calor ou se se mollaban sacaban a camiseta, e ¿por qué ela non podía?. Así que sacou os seus pantalonciños vaqueiros, desgastados o máis estilo hippie e a camiseta e comezou a nadar só coa braguiña do bañador. Liberdade. Poder facer o que desexaba; nadar nun imenso mar, disfrutando da tranquilidade que lle ofertaba a auga e descubrir novos mundos entre algas e peixes.
Xa estaba case agochado o sol cando decidiu sair. O mar era o seu lugar preferido, sempre soñara con ser un peixe e nadar por todas as profundidades. Para ela era como a fonte da eterna xuventude, cada vez que se bañaba volvía a ser unha rapaza no seu interior. Sentíase mellor que ben, moito mellor que moi ben. Non había palabras para describilo.
Tumbouse na area. Sentiu unhas pegadas preto, pero pensou que nada podía romper a súa calma. Salvo el. Pantalóns grises, camiseta branca e sonrisa eclipsante. Non dixo nada. Desenrolaran unha nova linguaxe. Podíanse comunicar a través da súa mirada. Absoluta compenetración. Nin un saúdo nin unha pregunta precisaban para comprender o un ó outro. E tras dicirse todo, contemplaron os últimos minutos de solpor.
—O momento máis bonito do día. As cores, a luz.. Comenza a noite; a xente expectante, a vergoña desaparece e é sustituída pola loucura e o desenfreo, prendense as luces para loitar contra a escuridade.
—A escuridade non é mala.
—Non. É coma outro mundo. Na escuridade todo vale, todo está ben. É outra forma de pensar. Meditación e liberdade. Os teus sentidos desconectan e só te concentras en pensar. A túa imaxinación voa sen rumbo e máis paradas que a luz. Podes sentir absolutamente todo na escuridade. Todo dentro de ti se volve máis forte. Os latexos, a respiración, os pestañeos..
—En canto o sol se agache a praia quedará na escuridade.
De novo miradas. Miradas de complicidade. Desexosos de que o sol dera paso á escuridade. E pouco a pouco aconteceu. Pasaron o tempo mirando as estrelas, tentando descubrir os seus ollos na escuridade, acariciándose.

No hay comentarios:

Publicar un comentario